Revista Raigame: Arqueoloxía II e Letras Galegas 2022

A Revista Raigame publicou nos últimos meses dúas novas revistas, a número 46, segunda parte da triloxía dedicada á arqueoloxía na provincia de Ourense, e a número 48, sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no día das Letras Galegas do ano 2022, e que se complementa cunha Unidade Didáctica.

A primeira delas, correspondente a Decembro de 2021, continúa o percorrido por diferentes puntos de interese arqueolóxico da provincia de Ourense, achegándonos da man de Manuel Xusto aos fondos pétreos do Museo Arqueolóxico de Ourense. Yolanda Álvarez fálanos do castro de S. Cibrao de Las e Montse Adaliz do Parque Arqueolóxico alí creado. Israel Picón lévanos até o concello da Mezquita e o Castelo de Santiagoso e Juan Seara e Manuel Gallego ao concello de Allariz, ao castro de Cerdeira e o seu conxunto rupestre. Até Calvos de Randín e o castelo da Piconha chegamos guiados por J. M. Galiña, E. Breogán e D. Babarro e Manuel García fálanos da idade de ferro na Limia Alta. Diferentes campamentos militares romanos son presentados por João Fonte J. Manuel Costa e Manuel Gago, e pechamos a revista co artigo de Xosé Benito Reza sobre os espazos fundacionais de Celanova.

Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, é o protagonista da revista Raigame 48, na que autores como Emilio Vega, Delfín Caseiro, Antón Dobao, Julio Pérez, Francisco Cobo, Anxo Baranga e Lito Caramés, Eva Piay, Celia Rey, Ricardo Gurriarán e Miro Villar, analizan a súa obra poética, a seu fondo sentimento pola lingua e a terra que viu nacer, a súa activiade política-cultural tanto na súa etapa no oriente ourensán como no exilio mexicano e o legado que deixou na súa terra, Córgomo. 

Xunto a este último número editouse unha Unidade Didáctica realizada por Patricia Calviño e Séchu Sende, orientada aos centros educativos, na que se afonda na preocupación de Florencio Delgado pola normalización da lingua galega.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *