A revista Raigame 45 está dedicada nesta ocasión á arqueoloxía na provincia ourensana. É un primeiro volume no que se pon en valor a actividade arqueolóxica en Ourense dende un punto de vista científico e divulgativo, a fin de dar a coñecer os traballos máis destacados que se están a realizar, recoñecer o traballo dos profesionais que se dedican á arqueoloxía e presentar as posibilidades turístico-culturais que esta ofrece.
Así, seguindo a tradición que neste campo se iniciara hai máis dun século coa Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos, o Museo Arqueolóxico de Ourense e os membros da Xeración Nós, este novo número da revista Raigame fai un percorrido polo mapa provincial presentando artigos que abordan intervencións en xacementos de referencia como son o campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande, os castros de Cameixa en Boborás, o de Castromao en Celanova e o de Saceda en Cualedro.
Outro grupo de colaboracións aborda actuacións encamiñadas á posta en valor de espazos integrados por diversos bens culturais como en Laza a Estación Rupestre das Pisadiñas, en Bande o Parque Arqueolóxico do Monte Grande, e en Allariz o castro de Armea, Castelo de S. Salvador de Todea e os pasos sobre o río Arnoia. Na comarca de Valdeorras un ambicioso proxecto analiza as sociedades labregas nun amplo período da historia, tendo como referencias o Castelo de Valencia do Sil, os colmeares de Casaio e a Ciudad de la Selva. Outro artigo aborda o proxecto de Lobarzán, nos concellos de Monterrei e Oimbra, xacemento que abrangue diferentes aspectos cronolóxicos-culturais, e que incide na importancia da arqueoloxía na súa vertente social, implicación da veciñanza, valorización e conservación do seu patrimonio cultural. A revista complétase cun estudo sobre os distintos tipos de pavimentos atopados nas intervencións realizadas na cidade de Ourense, outro sobre o recente descubrimento da Mámoa das Lameiras en Toén e por último a historia dos Escarvadores, un grupo de apaixonados da arqueoloxía en Valdeorras dos anos sesenta.
Un segundo número sobre arqueoloxía en Ourense que verá a luz a finais de ano, continuará o percorrido pola provincia con artigos sobre xacementos como San Cibrao de Las nos concellos de S. Amaro e Punxín, O castelo da Piconha en Calvos de Randín, o xacemento de Santiagoso, na Mezquita, a Arqueoloxía na comarca da Limia, o Penedo dos Lobos en Manzaneda, entre outros.
A revista, distribuída gratuitamente a bibliotecas, museos, centros culturais e centros educativos, tamén pode ser solicitada nas oficinas do CCP Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense.