Noticias

Festival Fin de Curso 2022

A Escola Provincial de Danza celebra o Festival Fin de Curso no auditorio do Conservatorio de Música de Ourense o venres 17 de xuño ás 20.00hrs. Con esta actuación na que participarán os diferentes grupos da Escola (uns cen artistas de todas as idades realizarán un espectáculo de música, canto e baile tradicional), péchase a actividade lectiva do curso 2021-2022, ano no que pouco a pouco se volveu á normalidade despois de dous anos condicionados pola pandemia da Covid-19, e nos que a actividade artística se reduciu a unhas cantas actuacións en Bande, en Armamar (Portugal), en Requeixo de Grou-Lobios, e na cidade de Ourense. 

Rematado o curso, a actividade da Escola de Danza-Castro Floxo continuará durante os meses de verán, con diferentes actuacións pola provincia (C. Caldelas, Bande, Monterrei, Allariz…) e festivais de folclore de Portugal.

Revista Raigame: Arqueoloxía II e Letras Galegas 2022

A Revista Raigame publicou nos últimos meses dúas novas revistas, a número 46, segunda parte da triloxía dedicada á arqueoloxía na provincia de Ourense, e a número 48, sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no día das Letras Galegas do ano 2022, e que se complementa cunha Unidade Didáctica.

A primeira delas, correspondente a Decembro de 2021, continúa o percorrido por diferentes puntos de interese arqueolóxico da provincia de Ourense, achegándonos da man de Manuel Xusto aos fondos pétreos do Museo Arqueolóxico de Ourense. Yolanda Álvarez fálanos do castro de S. Cibrao de Las e Montse Adaliz do Parque Arqueolóxico alí creado. Israel Picón lévanos até o concello da Mezquita e o Castelo de Santiagoso e Juan Seara e Manuel Gallego ao concello de Allariz, ao castro de Cerdeira e o seu conxunto rupestre. Até Calvos de Randín e o castelo da Piconha chegamos guiados por J. M. Galiña, E. Breogán e D. Babarro e Manuel García fálanos da idade de ferro na Limia Alta. Diferentes campamentos militares romanos son presentados por João Fonte J. Manuel Costa e Manuel Gago, e pechamos a revista co artigo de Xosé Benito Reza sobre os espazos fundacionais de Celanova.

Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, é o protagonista da revista Raigame 48, na que autores como Emilio Vega, Delfín Caseiro, Antón Dobao, Julio Pérez, Francisco Cobo, Anxo Baranga e Lito Caramés, Eva Piay, Celia Rey, Ricardo Gurriarán e Miro Villar, analizan a súa obra poética, a seu fondo sentimento pola lingua e a terra que viu nacer, a súa activiade política-cultural tanto na súa etapa no oriente ourensán como no exilio mexicano e o legado que deixou na súa terra, Córgomo. 

Xunto a este último número editouse unha Unidade Didáctica realizada por Patricia Calviño e Séchu Sende, orientada aos centros educativos, na que se afonda na preocupación de Florencio Delgado pola normalización da lingua galega.

Revista Raigame 45 Arqueoloxía I

A revista Raigame 45 está dedicada nesta ocasión á arqueoloxía na provincia ourensana. É un primeiro volume no que se pon en valor a actividade arqueolóxica en Ourense dende un punto de vista científico e divulgativo, a fin de dar a coñecer os traballos máis destacados que se están a realizar, recoñecer o traballo dos profesionais que se dedican á arqueoloxía e presentar as posibilidades turístico-culturais que esta ofrece.

Así, seguindo a tradición que neste campo se iniciara hai máis dun século coa Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos, o Museo Arqueolóxico de Ourense e os membros da Xeración Nós, este novo número da revista Raigame fai un percorrido polo mapa provincial presentando artigos que abordan intervencións en xacementos de referencia como son o campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande, os castros de Cameixa en Boborás, o de Castromao en Celanova e o de Saceda en Cualedro.

Outro grupo de colaboracións aborda actuacións encamiñadas á posta en valor de espazos integrados por diversos bens culturais como en Laza a Estación Rupestre das Pisadiñas, en Bande o Parque Arqueolóxico do Monte Grande, e en Allariz o castro de Armea, Castelo de S. Salvador de Todea e os pasos sobre o río Arnoia. Na comarca de Valdeorras un ambicioso proxecto analiza as sociedades labregas nun amplo período da historia, tendo como referencias o Castelo de Valencia do Sil, os colmeares de Casaio e a Ciudad de la Selva. Outro artigo aborda o proxecto de Lobarzán, nos concellos de Monterrei e Oimbra, xacemento que abrangue diferentes aspectos cronolóxicos-culturais, e que incide na importancia da arqueoloxía na súa vertente social, implicación da veciñanza, valorización e conservación do seu patrimonio cultural. A revista complétase cun estudo sobre os distintos tipos de pavimentos atopados nas intervencións realizadas na cidade de Ourense, outro sobre o recente descubrimento da Mámoa das Lameiras en Toén e por último a historia dos Escarvadores, un grupo de apaixonados da arqueoloxía en Valdeorras dos anos sesenta.

Un segundo número sobre arqueoloxía en Ourense que verá a luz a finais de ano, continuará o percorrido pola provincia con artigos sobre xacementos como San Cibrao de Las nos concellos de S. Amaro e Punxín, O castelo da Piconha en Calvos de Randín, o xacemento de Santiagoso, na Mezquita, a Arqueoloxía na comarca da Limia, o Penedo dos Lobos en Manzaneda, entre outros.

A revista, distribuída gratuitamente a bibliotecas, museos, centros culturais e centros educativos, tamén pode ser solicitada nas oficinas do CCP Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense.

Escola de danza: actuacións 2019

A Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, está a preparar as últimas actuacións do ano 2019. O próximo 7 de Decembro celebrará o seu habitual Festival de Nadal e pendente de concretar as datas, ten previsto nese mesmo mes participar en diferentes festivais de Cantos de Janeiras en diversas localidades de Portugal. 

Ao longo do ano 2019, os alumnos da Escola de Danza e do grupo Castro Floxo, realizaron actuacións pola nosa provincia e Lugo (Chantada, festival de canto) e Coruña (Camariñas, Mostra de Danzas Gremiais) e participaron en festivais de Francia (Festival Musichoredanse de Tarare) e Portugal (Festivais de Macieira de Cambra, Passos de Silgueiros e Ferreirim), así como a participación en programas da TVG como Aquí Galicia.

Galería de imaxes