Nós

Antecedentes

O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo Fernández” foi creado no ano 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao insigne etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández. O Centro de Cultura Popular naceu a partires dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense. 

A Escola Provincial de Danza, dende a súa creación en 1984, viña desenrolando unha intensa actividade no eido da música e da danza popular. Paralelamente a este labor pedagóxico, estaba desenrolando unha serie de actividades de investigación e difusión da nosa cultura popular, seguindo a traxectoria comezada no seu día polo Colectivo Cultural Castro Floxo que como é ben sabido comezara a súa andaina a finais dos anos 70 asesorado por D. Xaquín Lorenzo.

 

O feito de converter a Escola Provincial de Danza e o Colectivo Castro Floxo no “Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo”, no ano no que se lle dedicou o día das letras galegas, contribuíu a honrar a figura do noso mestre, fillo predilecto da provincia de Ourense e reflicte a actividade real desempeñada pola Escola de Danza no eido da cultura popular, axudando dun xeito definitivo á continuidade do noso patrimonio.

Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo

Obxectivos Xerais

O obxectivo principal do “Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo Fernández” é promocionar todo tipo de actividades encamiñadas a recuperar, conservar e espallar a cultura do noso pobo, incidindo con máis forza naqueles aspectos que a causa da ruptura das habituais canles de transmisión desapareceron practicamente nas cidades e vilas da nosa terra.

No ámbito educativo, o Centro pretende habilitar os medios necesarios e suficientes para que os nenos, mozos e menos mozos, teñan a oportunidade de coñecer a nosa cultura, transmitindo deste xeito un patrimonio intanxible que ademais de enriquecelos como persoas, axudaraos  a ver e coñecer as diferenzas e coincidencias con outras culturas e con outros pobos. Deste xeito contribuiremos a educar cidadáns orgullosos do propio e ao mesmo tempo máis tolerantes e respectuosos.

Ámbito

O ámbito do Centro abarca a totalidade da Provincia de Ourense, Galiza e o resto de España, mantendo unha fonda colaboración co norte de Portugal. De igual xeito, estende a súa actividade a todo o mundo, programando actuacións das diferentes seccións que compoñen o Centro, tanto para a comunidade galega emigrante como para o resto da poboación: envío de publicacións, participacións en festivais de folclore, participación e organización de congresos, colaboración en organizacións de festivais, organización de curso de música e baile, organización de exposicións, etc.