Museo do Traxe
Museo do Traxe Tradicional Galego
O Museo do Traxe Tradicional Galego ten como obxectivo pór en valor esta elemento singular da etnografía en Galicia, exhibindo o amplo material relacionado coa vestimenta tradicional que ao longo dos anos foi recuperando a Escola Provincial de Danza “Castro Floxo”, integrada no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Diputación de Ourense.
A mostra distribúese en dous espazos claramente diferenciados e ilustrada cuns paneis informativos. Ofrece en primeiro lugar unha selección de traxes tradicionais da segunda metade do século XIX e principios do século XX (uns orixinais e outros fieis reproducións). Aquí podense ver vestimentas pertencentes aos diferentes estamentos sociais, desde os ricos traxes de gala ata a humilde indumentaria dos labregos.
Nunha segunda sala realízase unha viaxe polo proceso de elaboración dos tecidos tradicinais: o liño e a la. A través dunha ampla colección de materiais, a exposición repása os diferentes estadíos: a obtención da materia prima, a a súa transformación nunha tea, a preparación do fiado e o traballo no tear.
Cestería
A partires da experiencia de vellos artesáns e dirixido a persoas de máis de 10 anos, mediante este obradoiro centrado na cestería en vimbio, os alumnos realizarán cestas, cestos, bandexas, canistrelos, etc., hoxe substituídos por obxectos industriais comercializados en supermercados, e tamén se poderá aprender a traballar con xungos para facer corozas.
Fiado
Orientado a nenos de oito anos en adiante, e contando coa colaboración de fiandeiras anciáns, en algúns casos avoas dos propios alumnos, pretende ensinar non só a técnica do fiado da la e do liño, senón achegar un modo de vida, de traballo e de divertimento hoxe desaparecido, da boca das propias persoas que viviron aquelas experiencias nos fiadeiros.