Igrexa parroquial de San Cibrán

Sobre unha idea orixinal presentada polo arquitecto Felipe Tredis no ano 1856, preténdese a construción dunha nova igrexa parroquial. Por unha serie de vicisitudes este proxecto non se executa e, nun posterior e modificado con respecto ao inicial, o arquitecto Juan Redecilla presenta unha nova idea no ano de 1868. Os problemas de carácter económico para levar adiante este proxecto, a situación eclesiástica derivada de que O Carballiño aínda non era parroquia e a falta de entendemento entre as partes encargadas da súa execución demoraron a súa finalización ata que, no ano 1903, encárgase a outro arquitecto, Daniel Vázquez- Gulías Martínez e en 1905 apróbase o final das mesmas.

O edificio, sinxelo na súa orixe, presenta unha disposición de planta de cruz latina con tres naves lonxitudinais, sendo as laterais moi angostas. Outra de carácter transversal exerce o rol de cruceiro. A capela maior aparece máis alta que a nave lonxitudinal e que a cabeceira. Nos muros norte da capela maior aparecen senllos arcos cegos. O tellado aséntase sobre falsos modillóns.

A ábsida é de forma poligonal e con dous corpos, presentando o máis baixo xanelas de tipo rectangulares. Aínda que o máis rechamante resulta ser a presenza da torre externa. Este elemento, composto por catro corpos, é o máis representativo na súa aparencia e visión. O primeiro destes corpos, presenta tres grandes arcos de ferradura unidos por unha bóveda de pedra a un cuarto que fai as veces de pórtico de acceso ao interior do templo; o segundo corpo contén tres xanelas cruciformes que dan luz ao templo. O terceiro presenta forma poligonal con catro arcos de medio punto que encerran as campás sobre onde se asenta o último corpo, de carácter piramidal e rematado nunha cruz de ferro.

Sinalar que na súa entrada alzábase o cruceiro que hoxe en día se asenta na Eira de Flores. Podemos dicir que no seu inmediación había unha importante actividade nos días de feira, sobre todo dentro dos gremios dos zoqueiros, vendedores de roupa usada e comerciantes na chamada “Praza dás Galiñas”.