O polbo forma parte importante da oferta gastronómica local, xa que a pesar de ser un produto mariño alcanza nesta vila, e máis concretamente, na veciña parroquia de Santa María de Arcos, na súa modalidade de polbo á feira, o cenit.

Polbo a feira


De como o polbo chegou a introducirse en terras do interior de Galicia merece, cando menos, unha breve referencia histórica. Os documentos máis antigos que relacionan ao Carballiño coa tradición pulpera datan do século XVII e áchanse en Marín. Esta localidade pontevedresa foi priorado de Oseira durante varios séculos, chegando mesmo a posuír os frades cistercienses unha potente frota pesqueira. Marín estaba obrigada a entregarlle aos frades en compensación polos dereitos de foro unha determinada cantidade que se materializaba en especies, sobre todo cordeiros, galiñas e produtos do mar. Entre estes achábase o polbo, moi abundante por certo en toda a ría de Pontevedra; é unha especie que pervive longo tempo, xa que pode ser secado sen que perda as súas calidades alimenticias e culinarias. Polas inxentes cantidades deste cefalópodo entregadas para aquela época pode deducirse que os frades de Oseira iniciaron a comercialización deste produto nas terras do Carballiño. Precisamente o nome de Santa María de Arcos figura nestes documentos. Corrobora, ademais, esta teoría, a constatación de que a práctica totalidade das familias desta parroquia carballiñesa dedícanse desde antigo a este oficio, circunstancia que non ten parangón con ningunha outra localidade de Galicia. Co tempo, as pulpeiras e pulpeiros de Arcos foron incrementando a súa presenza en feiras afastadas da comarca ata chegar a popularizar a súa arte por toda Galicia. Pero a súa fama transcende as fronteiras galegas e mesmo españolas, xa que a miúdo son convidadas polos centros galegos repartidos por todo o mundo para cocer este popular manxar aproveitando a celebración dalgunha festa.

FESTA DO POLBO


O polbo do Carballiño deu orixe á celebración dunha das festas gastronómicas máis multitudinarias e características de Galicia: a Festa do Polbo. Celébrase cada segundo domingo de agosto no Parque Municipal da vila e goza do privilexio de ser considerada desde 1969 Festa de Interese Turístico.

Comezou como unha actividade máis dentro das festas patronais de San Cibrán por iniciativa dun grupo de amigos, pero pronto adquiriu identidade propia e fama en toda Galicia. Contribuíron a iso as campañas de difusión realizadas polo Concello, pero tamén os emigrantes, que a teñen como referencia e punto de encontro durante as vacacións estivais. Non en balde desde os anos oitenta cada celebración dedicóuselle a unha cidade ou país de América e Europa con centros galegos de relevancia. Pero o mérito de tanto éxito radica esencialmente en dous factores: no seu carácter eminentemente popular -con variada oferta gastronómica dos produtos típicos de Galicia e de grupos de música e bailes tradicionais- e no marco no que se desenvolve, o Parque Municipal, que conxuga como poucos lugares amplitude e beleza natural. Decenas de miles de persoas acoden cada ano a esta romaría, considerada como unha das maiores manifestacións gastronómicas de Galicia, na que se contan por milleiros os quilos de produtos que se consomen -polbo, carne, pan de Cea e empanadas-, e os litros de viño do Ribeiro con que se acompañan.

FESTAS DO SETEMBRO

As Festas do Setembro en honra a San Cibrán, patrón da vila, son outra cousa, máis entrañable se cabe, pero tamén máis esgotadora, pola súa longa duración. Os festexos prolónganse durante cinco días con cada unha das súas madrugadas, practicamente sen tregua. Grupos de gaitas, bandas populares de música, orquestras, charangas, actuacións estelares, fogos de artificio, atraccións de feira e competicións deportivas, entre outras actividades, cambian a paisaxe do Carballiño, mesmo a súa #fisonomía rueira, sen deixar físgoa á monotonía. Nos días centrais -a feira do 16 e a festividade de San Cibrán do 17- prodúcese a maior concentración de actividades e de xente. Atraen a atención, sobre todo, as sesións de lume e as actuacións dos grupos e cantantes de moda, sempre pola noite na Praza Maior e Praza do Emigrante.

FESTA DA CACHUCHA

A Festa dá Cachucha, unha celebración gastronómica de degustación dos produtos máis saborosos do porco. Celébrase o domingo de Entroido con participación dos establecementos hostaleiros da vila, nos cales se ofrece un cocido como menú estrela.